‘Cabalos e lobos’ / Toma 1

5 Mar

okitsfictionHai un ano, por estas datas, estaba rematando de escribir unha novela que decidín titular Cabalos e lobos, unha metáfora que exemplifica as actitudes humanas en tempo de conflito e que fala tamén do que hai de salvaxe e tempestuoso en todos nós. Envexo profundamente aquelas escritoras e escritores, coñezo varios, que son guiados polos seus personaxes até a consecución dos seus obxectivos na narración. Non foi o meu caso. Eu diría que tiven máis ben que turrar deles, da súa perplexidade, dos seus medos e dúbidas, que tamén eran as miñas, até concluir o libro, nun estado anímico moi similar ao das heroínas románticas, que deitaban bágoas de desacougo sobre a tinta fresca do seu cálamo. Esaxero. Gústame esaxerar. Recordo, iso si, aqueles días de marzo contemplando o amencer desde esta mesa, e sentado no ordenador, polas noites, fumando Marlboro e ceando fideos chineses, en plena crise dos corenta, como me recorda un amigo. Aquel era o episodio final dunha carreira de fondo que agora, coa publicación do libro, pon fin a catro anos de traballo.

O libro está no prelo e por volta de abril venderase xa nas librarías. Publícao Edicións Xerais de Galicia. Este libro é o culpábel, tamén a miña preguiza, de que durante os últimos meses, desde que recibín o Premio Blanco Amor de novela por ‘Cabalos e lobos’, desaparecese deste blog e das obrigas que comporta. Non quería volver sen dar algún tipo de explicación, se isto é unha explicación. En calquera caso unha excusa digna para empezar de novo.

O que aquí vos deixo é o primeiro book teaser dunha serie de catro que, semanalmente, irei publicando até o mes da abril alí onde o poida publicar. A montaxe e realización audiovisual é de Mónica Ares. Soa un lied de Schubert, Margarida na roca, que ten un protagonismo destacado na trama da novela. A imaxe dos cabalos a trotaren sobre unha praia nevada, o lamento namorado e doente da canción. Eu creo que é sublime, no sentido exacto dese termo tan maltratado. Grazas, Mónica! Máis nada. Toma 1. Empezo e grazas por agardar.

6 Respostas to “‘Cabalos e lobos’ / Toma 1”

  1. caixadeluz75 Marzo 5, 2015 ás 10:23 AM #

    Dioss, creo que vou a ler un libro despois de 10 anos so lendo comics!

    • franplorenzo Marzo 5, 2015 ás 10:37 AM #

      Miguel, grazas! Se eu soubese facelo este libro sería un cómic, pero aquí quedei. Bico, meu!

  2. Bouzas Marzo 5, 2015 ás 11:16 PM #

    Abril, cando florece o xasmín! Estou desexando que chegue esa data. Terei un inquilino menos e celebrareino lendo o teu libro. Grazas pola novela e por volveeeer!!!

  3. Came Marzo 10, 2015 ás 10:00 AM #

    Grazas Fran por permanecer esaxeradamente pegado á verdade, rexeitando teimudo á ficción mediática que fai tan difícil o progreso do noso pobo.
    Parabén ! Penso poder ler e reter pronto o éxito do teu esforzo de catro anos.

    • franplorenzo Marzo 10, 2015 ás 10:10 AM #

      Came! non queda nada XD grazas a ti, amigo, por seguir por aquí. Unha aperta grande

Trackbacks/Pingbacks

  1. Sombras resinosas | Criticalia - Xuño 17, 2015

    […] lucido arrinque o de Fran P. Lorenzo neste Cabalos e lobos, narración intensa na que a sombras resinosas do pasado destilan cicatrices sempre dolorosamente […]

Deixar un comentario