‘Cabalos e lobos’ / Toma 3

19 Mar

cabalos_e_lobos (1)

Un concepto atravesa de principio a fin Cabalos e lobos: o espazo e a súa maneira de delimitar a existencia das persoas. Hai outra idea, a de que as cidades nos habitan ao tempo que nós as habitamos. Cifrei en Vigo esas reflexións e nun lugar concreto, Gran Vïa nº2, o edificio Albo, A Rápida, unha rara xoia do racionalismo galego que leva a sinatura do gran arquitecto vigués Francisco Castro Represas, ao que aquí se reivindica expresamente. Gran Vía nº2 é o edificio no que viven os Beckmann, os protagonistas da novela, e tamén o que, coa súa presenza espectral, atravesa/penetra, coma unha columna vertebral ou unha frecha de pedra, o corpo dese atleta que cae nas tres fases dunha fotografía antiga. Ás veces un acerta cando toma unha decisión, e eu acertei cando lle pedín a Roi Fernández, deseñador e músico, que se encargase da portada de Cabalos e lobos, portada que agora publico por primeira vez. Explico por que.

Roi é de Vigo coma min e sospeito que iso o puido axudar. Pero fóra desa circunstancia o que el conseguiu foi extraer, de maneira admirábel, o suspense, a reivindicación da memoria e do lugar que hai no libro. Logrou escenificar moi sutilmente a caída dun dos protagonistas, Ramón Costa, e construiu a imaxe dun ser habitado, múltiple, que fai coincidir os seus límites cos límites do edificio. Un arquetipo de masculinidade tamén, o atleta, que conecta con outras preocupacións arias e mesmo sexuais dos protagonistas. “Non podemos ser mirados, non temos ollos, e esa opacidade vólvenos eternos, tamén un pouco irreais”, dise na novela, ao respecto dunha fotografía familiar, tirada na rúa, na que todos os integrantes foron ‘decapitados’ por un mal enfoque.

A portada implosiona sobre un fondo escuro, inquedante, do que abrolla esa presenza fantasmal, cargada de todos os interrogantes que debuxan o relato familiar dos Beckmann, todo o que calan, todo o que agochan. Creo, Roi, que non se podía dicir máis con menos e tan poeticamente expresado, así que grazas amigo.

Remato co terceiro dos book teasers. É unha fotografia que fixen o 1 de xaneiro de 2015. A lúa de Vigo pousada sobre o edificio de Gran Vía nº2. A música é un tango xudeu, de exilio e distancia, unha homenaxe a un dos protagonistas da novela, o sr. Skov. Espero que vos guste. Unha semana, dez, quince días? Non queda nada.

p.s. Por certo, www.sermosgaliza.gal publica hoxe, na súa edición en papel #sermos138, un adianto editorial da novela, unha entrevista de Carme Vidal e esta mesma portada. Grazas pola difusión e polo apoio.

Deixar un comentario