‘Cabalos e lobos’ / Toma 4

26 Mar

grises2Velaquí deixo o derradeiro dos catros book teasers de Cabalos e lobos. Música e imaxe evocan un dos episodios que quixen narrar no meu libro e que divide a novela en dous: a folga xeral na industria viguesa, en setembro de 1972. Iso fai parte da miña memoria familiar e persoal, tamén da memoria da miña cidade. Por iso a sinopse do libro di, na súa primeira liña: “Vigo. Setembro de 1972. Paula acaba de atravesar unha cidade tomada pola policía franquista e colapsada pola folga“. Escribín esa pasaxe coa música de David Bowie na cabeza (Starman, a canción que acompaña o vídeo é xustamente de 1972) e ao lombo dos versos do poemario de Helena de Carlos, Vigo (Galaxia, Dombate, 2007). Se digo que teño devocion por esa autora, pola súa obra e por este libro digo pouco. Os versos seus foron a miña máquina do tempo e do espazo, o lugar no que ficaba apreixada unha lembranza, vivida nun nivel de consciencia anterior a min mesmo, pero que estaba alí, agardándome, dun xeito case milagroso. “Era sector naval,/ lume nas prazas, descargas, pasos cortados,/ a nidia conciencia do ano setenta e dous/ e a construción, rúas medrando no confín das verzas,/ nós xogando ao balón no medio do día”. Grazas Helena!

Ao final do vídeo veredes a data de publicación da novela, Abril 2015, impresa sobre as imaxes da policía reprimindo unha manifestación. Semella unha translación temporal perfecta até un día coma o de hoxe no que o Parlamento español aproba esa Ley de Seguridad Ciudadana (sic) que nos devolve a aquel 1972 dos grises e da Policía Armada. Cunha pequena diferenza, á violencia policial de entón súmanselle agora as multas disuasorias para segar a liberdade de expresión e uns métodos de represión da mobilización propios dunha ditadura de pesadelo orwelliano. O meu libro, se un comité de censura non o impide, por atentado contra a moral e as forzas da orde, chegará ás librarías a partir do vindeiro xoves 16 de abril.

Deixar un comentario