O affaire Zapata

15 Xuñ
rafael_hernando_558

Rafael Hernando, que inxuriou as vítimas da Guerra Civil e ás súas familias.

Un par de reflexións ao fío do affaire Zapata. Quen alenta e orquestra esta campaña contra Manuela Carmena e o movemento cidadán Ahora Madrid –Guillermo Zapata é un mero instrumento, iso parece obvio-, non está preocupado pola incidencia que un chiste entrecomillado poida ter na dignidade das vítimas do Holocausto. Estes indignados señores e señoras que agora claman ao ceo por unhas brincadeiras de pésimo gusto son os primeiros que banalizan o Holocausto, ao compararen calquera resposta democrática co Horror máximo dun xenocidio. Carmela Silva, a tenente de alcade de Vigo, cando tildou de “nazis” aos activistas de Coia ou María Dolores de Cospedal ao cualificar os escraches de “nazismo puro”. Banalizar o nazismo, a excepcionalidade da súa barbarie, e facelo desde o poder e contra a cidadanía, é pior que facer chistes de xudeus, ao meu ver.

zapa

Guillermo Zapata en eldiario.es

Diariamente asistimos a declaracións de alcaldes do PP, ou opinólogos afíns, que non son sequera humor de mal gosto, son expresións certas da súa ideoloxía machista, homófoba, racista ou desconsiderada con calquera vítima que non sintan como súa. Lembro a Rafael Hernando, o voceiro do Partido Popular, cagándose literalmente nas cunetas e foxas comúns que aínda fermentan o solo español, nos mortos e nas súas familias. Un insulto denigrante. Nada ocorreu. E por iso non se pide perdón nin se demite. E dise de viva voz, diante dun micrófono, porque son expresións dun ser intolerante, tan naturais coma espontáneas.

É absurdo querer desligar as redes sociais de quen somos e dos nosos comportamentos humanos, porque as redes sociais son coma a barra dun bar, e calquera di o primeiro que lle pasa pola cabeza, sen pretender sentar cátedra. Un chío de catro anos atrás, nun contexto determinado, pode ser, sabémolo, un boomerang de efectos impredicíbeis. Acabará por selo para Zapata, queirámolo ou non. O humor, de mal gusto, tamén é unha expresión do noso ser escuro e desgarrado, pero non hai que esquecer o contexto no que se produce nin perder os papeis. Nin nunha dirección nin na noutra. Ou si eran admisíbeis as ofensivas diatribas do Charlie Hebdo contra o Islam?

Está en xogo a liberdade de expresión e aínda que os límites coa ofensa son difusos unha xuíza, coma Manuela Carmena, debería valorar se tales exhabruptos exabruptos son unha cifra certeira da ideoloxía de Zapata, que non o son, ou máis ben imprudencias ou asneiras que teñen efectos, esixen perdón e reparación. Creo que entregarlle a cabeza de Zapata á reacción, no minuto cero do partido, é como asumir un penalti inxusto para non ter bronca e seguir con calma o encontro, acougando os ánimos do banco rival. O malo é que iso non pasará porque o banco rival non ten acougo. Os medios e o poder real están aí para botar abaixo calquera resposta que ameace o seu agora ferido estatus. E son eses medios e ese poder real os que de verdade xogan sucio, menten e pegan patadas cando o árbitro non mira. E aínda que o árbitro mire, o árbitro pitará, por desgraza, ao seu favor. Así o vexo eu.

4 Respostas to “O affaire Zapata”

  1. Charo Valledor Puente Xuño 15, 2015 ás 2:00 PM #

    Non entendo que ninguna persoa que se di de esquerdas poida xustificar a estupidez destes “chistes”. Hai cousas que non admiten bromas. O holocausto nazi é unha delas.

    • franplorenzo Xuño 15, 2015 ás 4:58 PM #

      Ola Charo, eu son o primeiro que non admite bromas co holocausto e que deosta estes chistes. Non me fan graza ningunha. Non creo que se deban facer mesmo. Simplemente cuestiono a utilización interesada dun tweet por parte de quen di cousas similares en contextos serios e non irónicos. Creo que Zapata non debía dimitir. Si pedir perdón e emendar o seu erro dalgunha maneira porque a un servidor público, seríao a partir de hoxe, non se lle pode permitir ferir á xente, como fai Rafael Hernando por exemplo. Pero o chío foi feito hai moitos anos nun contexto concreto, nunha discusión ‘académica’ e non sendo Zapata concelleiro. Creo que hai que valorar todo iso. E se finalmente demite, poisque demita de todo. Paréceme hipócrita retiralo de cultura e deixalo continuar no distrito. Por que? É válido para un cargo e non para outro? Non ten isto un cheiro a purga católica, castigámoste un anaco e a outra cousa? Pide perdón e podes volver. Non sei.

  2. Zapato Xuño 16, 2015 ás 3:40 PM #

    Exhabrupto é unha bonita palabra, señor escritor

    • franplorenzo Xuño 16, 2015 ás 11:17 PM #

      Confundino con exhausto, que é como estaba cando o escribín. XD Corrixido, grazas!

Deixar un comentario