La Perfección-Viso-Sabú, o chocolate para quen o traballa

11 Dec

No tempo de escolantes, en Vigo, había visitas inexcusábeis para os cativos comprobarmos, in situ, a maneira na que a nosa cidade se facía a traballar. Ese traballo en cadea saltaba da foto do libro de Ciencias Sociales, e facíase carne, ou metal, nas excursións á fabrica de conservas Albo, á de Larsa, á beira de Balaídos, á Citroën, a algún asteleiro, a Faro de Vigo ou á factoría de Chocolates Viso, La Perfección e Sabú, na parroquia de Sárdoma. Neses periplos fabrís, sempre había algun neno que era levado onda o seu pai ou a súa nai. Papá-obreiro ou mamá-obreira paraba por un momento a produción, baixo a comprensiva ollada do supervisor, para contemplar a estrañeza do seu neno, cohibido pola expectación dos seus compañeiros de aula e polas mostras de agarimo que lle dispensaban mulleres e homes que nin sequera coñecía.

O negriño con turbante que ilustraba a tableta de Sabú é unha icona dos infantes vigueses da miña hora e máis atrás, o mesmo que o ingreso ritual nas tendas de caramelos Nubur e Cavi (Caramelos Vigueses), porta con porta na rúa Joaquín Loriga, ao carón da libraría Vigo. 

Non o sei de certo, pero sospeito que aquel exótico careto serigrafiado era unha versión ad libitum do pequeno Sabú, o protagonista do filme documental do mesmo nome, producido e dirixido polos irmáns Korda no ano 1937.

Sabú, actor hindú e mito eterno do technicolor, converteríase nos anos corenta e cincuenta do século pasado no rei das películas de aventuras, con títulos coma O ladrón de Bagdad ou O libro da selva, as que levan o selo da sesión dobre no Cine Fraga. Pero insisto, para nós, para os pequenos vigueses que comprobamos co mesmo abraio que Charlie na fábrica de chocolate como se moía o cacao e como os moldes rebordaban daquela pasta espesa e recendente, Sabú-Viso-La Perfección era unicamente o choco da merenda.

Había ademais unha cantinela, da que non poiden localizar a melodía, que se escoitaba acho que na radio e no estadio de Balaídos e que rezaba así: “Soy montañero que contemplo, subo a las montañas vago sin parar,/ me sobra aun bastante aliento para el clarinete ponerme a tocar,/ y no es que sea yo un gorila, soy más bien bajito, flaco y sin color,/ pero es que llevo en la mochila algo que renueva mi fuerza y vigor,/ tan importante, estimulante , sin duda alguna solo puede ser,/ el gran chocolate Viso, chocolate Viso, que es signo de calidad/ chocolate Viso , chocolate Viso , es signo de calidad…”.

Naquela excursión formativa, o noso cicerone, xa coa proba do chocolate na boca, como para anestesiar a nosa capacidade crítica, aleccionáranos ben: “Y decidle a vuestras madres que no compren Cola Cao u otros chocolates, que compren Viso que es igual de bueno, y además se hace en Vigo…”.

Acabo agora de coñecer que un xuiz ordenou o precintado dunha fábrica en Palencia na que a familia Ruiz Mateos estaba a elaborar os chocolates La Perfección e Viso. A Audiencia Provincial de Madrid xa recoñecera como propietarios das marcas os ex traballadores da fábrica viguesa, pero os Rumasa, a familia da abella e do quetepegoleche, interpuxera recurso ante o Supremo e seguía usurpando o bo nome do noso doce local. En suma, que utilizaron chanchullos legais para se faceren coa factoría e por riba houbo violación das marcas, rexistrándoas de mala fe, no medio dunha trama barullenta para borraren os dereitos dos auténticos propietarios, que son os ex traballadores da fábrica de Vigo.

Segundo explica a CIG nun comunicado, ese xuíz de Palencia ordena o cesamento da produción e o embargo das existencias, ademais de fixar unha indemnización. O sindicato explica que o recoñecemento da propiedade para os traballadores de Vigo supón que poidan comezar a negociar a venda das  marcas, valoradas nuns 360.000 euros, a empresas ou grupos interesados, unha versión, en tempo de crise, do incumprido adaxio a terra pra quen a traballa. E tamén aquí, o chocolate pra quen o traballa.

Conviña se cadra recuperar aqueloutro rimbombante eslogan comercial da marca de Sárdoma: “Chocolates La Perfección… qué buenos son!”, e adaptalo para o presente, procurar algo así como “Chocolate Sabú, agora cómelo tu…”, ou por que non: “A cidade en masa, contra Rumasa, e este chocolate que eu che digo… para o pobo de Vigo”. Admítense propostas.

3 Respostas to “La Perfección-Viso-Sabú, o chocolate para quen o traballa”

  1. Monte Carmelo Decembro 12, 2010 ás 11:16 AM #

    Lendo este artigo trasladeime aos anos oitenta coas merendiñas do chocolate Sabú metido nun trociño de pan e o quesito El Caserio. Recordo o balonazo que me deron na barriga no patio do colexio. O meu eslogan é “Rumasa castigada sen chocolate” Non rima pero…..

  2. franplorenzo Decembro 12, 2010 ás 6:54 PM #

    Nun libro de PPKO (José Cao Moure), titulado Catálogo de Vigo ‘Vigo a través de un siglo’ e que editou este singular prohome local en 1922-23 (hai unha edición facsímile ao coidado do Instituto de Estudos Vigueses), aparece xa, acabo de velo, un anuncio de chocolates Viso, que reza así:

    Fábrica de Chocolate ‘Viso’, de Horacio Vázquez Viso, Urzáiz, 22 (Vigo). Mezcla autorizada y depositada en el Laboratorio Municipal de Higiene de Vigo (Marca registrada).//Se garantiza la bondad de estos chocolates con la devolución de su importe, si no fuesen del agrado del consumidor

    (Urzáiz 22, se non me engano, é a esquina con Magallanes, onde está a loja de zapatos Curtidos Blanco, que debe ser da pouca obra que queda en pé xa na cidade do arquitecto e deseñador Agustín Pérez Bellas)//Réquiem por Chavalín, no Príncipe, e por Gervasio (en Eduardo Iglesias), obra súa tamén.

  3. Miguel de Vigo Decembro 13, 2010 ás 9:21 AM #

    Oda ao noso chocolate

    Non hai maior Perfección
    en toda a nosa nación
    Desde Coruña ata Vigo
    viva o chocolate amigo
    Non digas que non te aviso
    son Chocolates O Viso
    Aos de “que te pego leche”
    mándolles este peche
    Quen se mete con Sabú
    vaise tomar polo cu

    (Xa estou traballando na música.)

Deixar un comentario