BNG, unha cuestión de karma

24 Nov

Noite electoral. Prendo a TVG. En realidade non é o afán informativo o que alenta tal xesto; fágoo por razóns ben máis ontolóxicas e persoais: gústame que me falen na miña lingua minorizada e maltreita, gústame sentir falar o galego, mesmo mal ou aínda con esa fonética deturpada, de simulador informático, que empregan algúns presentadores/as da Galega e que, ao parecer, é a que asegura unha boa nota nos exames de lingua das oposicións (por chamarlle algo) ao ente público, cada día menos público, a cada volta máis ameazado. En realidade os presentadores e contertulios desa serán do 20-N de Televisión de Galicia tiñan cariña de pena e non precisamente polos resultados. Eu tamén a tería se me tocara substituír a un compañeiro represaliado, pero non imos entrar en feas e incómodas disquisicións morais.

Moita culpa, de seguro, tívoa a presenza no plató dese malencónico irredento que é Xosé Carlos Caneiro, o escritor, the writer. Ha ser duro pertencer á estirpe de Joyce e de Faulkner e acabar comentando banalidades, embutido nun traxe gris, forzado a dicir algo que bote luz sobre uns resultados que, en realidade, non sorprenderon a ninguén. Co ritmo trepidante dunha das súas incomprendidas novelas, o intelectual orgánico, o paciente número cero da gripe A, deitou no tedioso especial de TVG unha desas sentenzas destinadas a perdurar no maxín dos espectadores: que os galegos deberiamos estar orgullosos, independentemente da nosa cor política, pola chegada dun paisano á Moncloa. Mariano Rajoy, o mesmo que nun debate perante millóns de persoas se adxudicou o milagre da luz e da auga no desasistido rural galego dos oitenta, é, segundo Caneiro, un motivo de orgullo para todas e todos. Un galego que arrenega do galego e que deosta as expresións non folcloristas da nosa cultura é motivo de orgullo. Entón penso en Francisco Franco ou en Fraga como expresións máis sobranceiras do orgullo galaico, porque nunca un galego, Caneiro ten que admitilo, administrou tanto poder e durante tantos anos en España coma eles. O orgullo, estáche ben claro, non entende de matices políticos.

Se falo de Caneiro, en calquera caso, non é para recomendar a leitura dese seu ensaio inefábel, titulado Os dominios de Caín, no que o autor dedica páxinas e páxinas a unha complexa pero satisfactoria autofelación intelectual. Non. Se falo de Caneiro e da súa requintada malenconía é para expresar a miña convicción de que, igual que a ánima é a alma oculta das cousas, o ánimo é o espírito das persoas e das organizacións, o seu patrimonio público. Somos o que amosamos, a expresión dese ánimo. Se proxectamos entusiasmo a xente, os eleitores, acreditarán nese entusiasmo. As políticas, por desgraza, importan a cada volta menos, e a maioría azul do Partido Popular ben o demostra. Nin a tesoura sobre a educación nin sobre a sanidade socavou o apoio masivo ao PP. Nin sequera as ameazas nin a certeza do que van facer, de aquí en diante. Poderán encherse as cidades de antidisturbios, lanzando pelotas de goma, e incautando botellas de Don Limpio como material explosivo, que a xente non vai remover o sentido do seu voto. En moitas cidades galegas, Santiago será unha delas, será así nos vindeiros anos: galegos do PP no concello, na Xunta e na Moncloa, motivos de orgullo como para afogar nel. Morreu de tanto orgullo que sentía…, diráse dos que non sobrevivan a esta xeira conservadora.

E falo do BNG. A casuística electoral podería propiciar cento cincuenta interpretacións arredor do resultado acadado no 20-N. No fondo, e malia a rebaixa de votos,  o obxectivo cumpriuse: manteren os dous deputados no parlamento de Madrid. Era un obxectivo escaso e pouco ambicioso? Co que sabemos agora pode ser que si, á vista da medra das outras opcións minoritarias e nacionalistas. Pero antes da campaña calquera militante ou cargo do Bloque asinaría por iso. O éxito ou o fracaso é sempre relativo e depende das expectativas e metas de cadaquén. O que non é relativo é o ánimo, o espírito que se proxecta na cidadanía, nunha palabra o karma interno da organización que eu non dubidaría en cualificar, e sempre desde fóra, de malo, moi mal karma.

Todo se pode conxugar: a autocrítica co debate interno, a resignación coas ganas de mellorar e de medrar, o reparto de culpas coa asunción de erros, etc… Pero hai algo, un ingrediente, que desfai calquera esperanza: o mal karma, o mal rolo expresado publicamente, a desavinza endémica, a falta de entusiasmo na opción que un mesmo defende. Agora mesmo o BNG é como ese matrimonio con problemas, que non repara na xente á hora de airear as súas miserias e que fai que os seus amigos, os que comparten mesa con eles, excusen a súa presenza e corran na dirección contraria. Ese matrimonio de tres, catro ou cinco cabezas, xa perdín a conta, é o que lle pregunta aos seus doloridos e estupefactos cativos: “e ti con quen queres quedar, con papi ou con mami..? a que papi é malo? a que mami é mala? a que queres vir comigo..?”. Á pregunta: “e a hipocrísía vale?”, eu contestaría: claro que si. Á maioría dos matrimonios funciónalles, de feito. E ademais ninguén dixo que a sinceridade, moito menos na política, fora a máis alta das virtudes. Por veces confúndese coa mala educación ou coa imprudencia.

Lembro con precisión as palabras de Beiras o día no que o Bipartito, aínda inmaculado, aínda inocente, chegou ao Goberno da Xunta de Galicia. “Pódese esperar algo disto, pero non moito…”. Nalgún aspecto resultou profética esa declaración pero a sentenza, formulada así, nese momento, por un acreditado e por min ademirado referente histórico da organización, desaconsellaba volver confiar no BNG. O proceso repítese. Non escoitei aínda ao PSdeG, quizais cun liderado tan flutuante, cuestionado e impreciso coma o do BNG, laiarse da súa devacle pero si vin a todas as correntes do nacionalismo expresando pareceres e sensacións contrapostas ao respeito dos resultados do 20-N. Que si estou alegre, que si estou triste. Que moi mal, que bastante ben, que tumba que dálle, que tal que sei eu… E o que me parece advertir é un desmedido combate de egos que só deriva nun patético resultado: cero entusiasmo, cero ánimo, cero proxección positiva na xente e nos eleitores. E sopor, moito sopor e aborrecemento.

Volvo, para rematar, á parábola bíblica do matrimonio en permanente decadencia. Todos coñecemos algunha desas parellas ancoradas nunha mala relación, hipercríticas co seu partener, todo o día a rifaren e a se feriren. Os demais tentamos evitalos, por moito que valoremos a súa amizade, porque a súa presenza e a súa actitude resultan mesmo incómodas. Acaban por seren iguais, o un e o outro, tanto teñen as súas razóns, porque a lóxica que aplican é a da destrución e ninguén quere iso na súa vida. Quita, quita… A parella, o matrimonio, cada día está máis só. Os fillos medran e coa maioría de idade xa non están obrigados a decidiren polo un ou polo outro. A eterna pregunta-trampa: “a quen queres máis, a papá o a mamá?” é xa irrelevante. E marchan da casa cun sonoro e liberador: “papá, mamá, que vos dean..!”.

O cariño, a afección, o costume, a familiaridade, xa non abondan para mover o voto ao BNG. Nin sequera a proximidade ideolóxica nin a consciencia do seu histórico labor poden garantir ese apoio se non muda, de xeito radical, o karma, o ánimo, o entusiasmo que proxecta a organización. Somos o que amosamos, a expresión dese ánimo, e hai cousas, como a malenconía, a vaidade, a falta de confianza nun mesmo ou a resignación, que non casan con esa mensaxe de rexeneración e mudanza que moitas e moitos de nós queremos ouvir, sentir, de maneira definitiva no seo do nacionalismo galego. Na súa man está arranxalo. Porque se o único orgullo que nos resta aos galegos é, como diría Caneiro, bater palmas polo imparábel ascenso de Mariano Rajoy, daquela o mellor será procurar noutro sitio, moitos xa o fan, ou botarnos ao Don Limpio como arma de destrución masiva e empezar de cero, con outra cara e outro karma, liberados de tanta enerxía da mala como levamos acumulando nos últimos anos.

29 Respostas to “BNG, unha cuestión de karma”

  1. sihomesi Novembro 24, 2011 ás 1:39 PM #

    Parabéns. Gustariame telo escrito eu.

    • franplorenzo Novembro 24, 2011 ás 2:51 PM #

      moito obrigado, sihomesi, unha aperta

      • Ana Novembro 28, 2011 ás 9:00 PM #

        Moitas grazas por teres escrito tal como eu sinto. Parabéns, e espero que o lean onde e quen o ten que ler…

  2. Bruno V Novembro 24, 2011 ás 3:27 PM #

    parabéns polo artigo, partiho no facebook.

  3. Luís Novembro 24, 2011 ás 3:29 PM #

    Boas, a min tamén gostaría de telo escrito eu, ía escribir sobre a actual situación do nacionalismo galego, por suposto sen esa gracia e esa verba que gastas ti, porque para iso hai que ter certas cualidades que desgraciadamente eu non teño.

    A cuestión é que eu discrepo en dous puntos: o primeiro é o resultado electoral do BNG foi desastroso. O segundo é que o problema do BNG tal vez non sexa tanto a división interna coma a imposición do grupo maioritario. Por último hai un punto no que estou, pero non estou de acordo: os votantes liscamos do paraugas nacionalistas porque percibimos esa división e porque o proxecto do BNG non ilusiona máis.

    Vou por partes:

    ¿Por que un resultado electoral desastroso? Pois ben, falo da porcentaxe e número total de votos. En ámbolos dúas cifras o BNG cae, e ollo, que non deixa de facelo desde que o bipartito naufragou hai xa dous anos e medio. Nesta ocasión tiña case todo de cara: o PSOE caendo en picado, e non habendo outra forza de esquerdas que puidera ser alternativa como o BNG, tódolos votos liscaron do PSOE ao PP, ou Esquerda Unida. ¡Esquerda Unida! Pero se nunca conseguiron representación por Galicia, imaxina a desesperación dos votantes de EU, que o fixeron sabendo que o seu voto non se traduciría nin no mellor dos soños nun deputado. É dicir, que moitos preferiron tratar outras opcións antes que votar polo BNG. Os 2 deputados son o premio de consolación, pero en ningún caso un éxito, como cualificou Gillerme Vázquez.

    Segundo: eu non estou dentro do BNG para saber que ocorre. Non sei se te tiran os mobles á cabeza ou sinxelamente non se falan. Pero o que é evidente é que hai una división interna, e agora semella que Máis Galiza e Encontro Irmandiño farán unha boa oposición a UPG, reclamando unha renovación do partido. Punto no que estou de acordo. O BNG necesita caras novas, cos dous sentidos: mocidade e renovación. Guillerme Vázquez é que Rubalcaba para o PSOE.

    Terceiro: ¿E que pasa cos votantes? Os votantes votamos por proxectos que convencen, por partidos que teñen liñas claras e definidas, e por grupos nos que exista cohesión, pero democracia interna. ¿Ten o BNG algo disto? Particularmente estou un pouco cansado do discursiño do BNG “da acción castradora do goberno do PP”. Non se trata tanto de procurar argumento do século pasado, como atopar os pasos que hai que dar para o futuro. O BNG quedou en Castelao e pouco máis. E ollo, que Castelao no seu tempo foi un revolucionario para o nacionalismo galego. Pero ese tempo xa pasou. Estamos na era nas novas tecnoloxías, a innovación e a creatividade dentro do BNG ten que pasar por Internet, difundir as súas ideas, poñer en contacto xente con inquedanzas comúns, pola defensa da nosa cultura e o noso idioma.

    O votante do BNG o que observa é que o partido quedouse ancorado a principios do século XX e dende aquela non soubo encaixar na nova realidade social. E é que un partido se quere sobrevivir ten que saber comunicar e comunicarse cos votantes.

    Perdoa polo roio.

    Un saúdo

    • Mary Jo Novembro 25, 2011 ás 3:53 PM #

      Co atinado que está o artigo e canta necesidade de resumar que hai polo mundo, facede un blog propio e a ver que vos le, pesados

      • Luís Novembro 25, 2011 ás 4:17 PM #

        Dilo por min, Mary Jo?

  4. caramba Novembro 24, 2011 ás 3:31 PM #

    Pois eu penso que optar pola hipocrisía tampouco é un gran avance. Terán que definir mellor a súa liña ideolóxica, se son obreiros ou interclasistas, rexionalistas ou nacionalistas (soberanistas xa sabemos que non pode ser), terán que ser conscientes dunha vez fr que, en política, é a mensaxe a que crea o mercado e non á inversa: todo este tempo que levan tentando non resultarlle radical a non se sabe que centro galeguista invisible. Terán que arranxar contas co pasado e renunciar, por exemplo, a ese ignominioso plus de altos cargos. Ou terán que estoupar dunha vez, que tampouco pasa nada, e volta a empezar cada un polo seu lado. Recoñecerá vostede que para moitas desas parellas que describe o divorcio é a única solución.

  5. A. Silvouta Novembro 24, 2011 ás 4:14 PM #

    Resolver o por que de que o nacionalismo galego hegemónico seja umha opçom que, incluso num momento de crise, que exige alternativas no sentido forte da expressom, decaia eleitoral e socialmente nom é umha questom fácil. Contodo, nom creio que seja tam só umha questom do karma. O karma é o sintoma, mas nom a causa profunda do mal. O mal karma evidencia para qualquer indivíduo atento que algo se passa no seu interlocutor e pode provocar rechaço, desconfiança ou até protecçom, mas, repito, penso que é o sintoma e nom a causa.

    Onde reside a causa entom, se é que existe só umha? Poderiamos apontar algumhas ideias:

    – A consciência a cada mais estendida de que a participaçom eleitoral e institucional como principal espaço e estratégia de intervençom da esquerda nacionalista é insuficiente. Hoje, até o mais despistado sabe que o regime autonómico é in-competente para abordar os problemas do País e, à vista dos processos em curso, será-o ainda mais no futuro imediato. Nada disto nos contam os dirigentes do BNG que, como se falassem com cidadáns e cidadás discapacitados, repitem o mantra da “presença em Madrid” como se em Madrid se pudesse solucionar qualquer cousa substancial.

    – Esquizofrenia entre diagnósticos e tratamentos. Umha situaçom que umha direcçom política diagnostique como de emergência nacional require, provavelmente, algo mais do que umha reforma estatutária, as competèncias de aeroportos ou a agitaçom de reivindicaçons essenciais em actos para consumo interno e auto-justificaçom. “Somos os de sempre” embora ninguém acredite.

    – Treiçom aos postulados históricos. Os dirigentes mintem “como belhacos”. Ver Martinho Noriega compartilhando um vinho espanhol com umha nuvem de picoletos no Día de la Hispanidad, quando podería inassistir por ter um familiar enfermo, umha viagem concertada havia tempo ou umha repentina indisposiçom, desengana ao mais iluso, embora sempre haverá gente disposta a acreditar mais nos seus preconceitos que no que percebem os seus olhos. E quem diz este exemplo recente poderia citar um ronsel deles. Infelizmente, ninguém se salva já no BNG desta queima para quem tenha algo de memória histórica. Já para finais do século passado ou princípios deste Beiras reconhecia em Faro de Vigo o triste papel de “dique de contençom” que o BNG jogara e joga na Galiza.

    – A passagem do BNG pola Junta da Galiza fijo cair as vendas dos olhos a muitos/as. A esperança branca, com ter feito muitas cousas necessárias e plausíveis, decepcionou. Quando se trata de conciliar um discurso de aparência ruturista com umha prática mediocre e acovardada, afinal, quem sempre sae mal parado é quem vende este tipo de produtos.

    – E remato: o BNG descolou-se da rua, do conflito, da batalha onde a gente se enfrenta e, às vezes, ganha e, normalmente, perde. A esquerda nacionalista ou vive colada às luitas ou esvaece-se. A tentativa de que os que fam a sua vida fiscal em Madrid avalizem um projecto nacionalista já se mirou até onde podia chegar. Olhar Rubém Cela nestes dias falando de que os ocupantes da Sala Yago “nom som okupas ao uso” para se distanciar, ainda que só fosse nas formas, do fascista histriónico Conde Roa, só pode espertar desánimo num ouvinte nacionalista que exija um mínimo de honestidade e coerência. Mas a direcçom do BNG tem medo, falsifica Castelao quando diz que acredita no nosso povo, desconfia mais do vulcám social que late baixo os seus pés que dos que vivem na casa quartel ou instalam tarabelos nos nossos montes. E o Povo Galego, por muito que no-lo repitam, tampouco nom é tonto. Pode inclinar-se por supervivência, mas identifica os farsantes a distáncia.

    • Mary Jo Novembro 25, 2011 ás 3:56 PM #

      que petardo, a.silvouta, para non pasar da primeira liña, eu cheguei á segunda

  6. Grial Novembro 24, 2011 ás 5:13 PM #

    Recoméndolle a lectura de “Un longo e tortuoso camiño” de Xosé R. Quintana, se é que non o leu. http://www.amazon.es/longo-tortuoso-cami%C3%B1o-Adaptaci%C3%B3n-cambio/dp/8471543192
    Tamén son dos que pensa que o BNG, se non pescou nesta, vai ser difícil que volva ter unha oportunidade parecida.

  7. Montenegro Novembro 24, 2011 ás 6:12 PM #

    Yo no sé las razones para explicar el rumbo del BNG, pero la sensación que tengo con él es la que me inspira la gran Rocío Xurado con su canción “Lo siento mi amor”:

    Hace tiempo que no siento nada
    al hacerlo contigo,
    que mi cuerpo no tiembla de ganas
    al verte encendido,
    y tu cara y tu pecho y tus manos
    parecen escarchas,
    y tus besos, que ayer me excitaban,
    no me dicen nada.

    Vamos, que ideológicamente, ya no me la pone dura. Aún así, yo me acuesto con el BNG y le sigo botando porque ya no me veo ni con fuerzas para divorciarme y no tengo ninguna cerca que me llene el ojo.

  8. xarubal Novembro 24, 2011 ás 6:15 PM #

    Magnífico. Non quererás presentarte a portavoz nacional? Eu vótoche!

  9. Malvares de Moscoso Novembro 24, 2011 ás 8:56 PM #

    Parabéns Fran.

    O carinho nao é suficiente. Fai falta confiança, paixao, esperança…

  10. eu91 Novembro 24, 2011 ás 9:57 PM #

    Gran artigo, coma sempre. Coido que as túas palabras deberían ser un referente de reflexión interna dentro do BNG. Galiza ou eles. Aí coido que está a cuestión.

    Saúdos e parabéns de novo!

  11. aser mendez Novembro 24, 2011 ás 10:01 PM #

    caneiro é a literatura o que karina falagan ao pensamento filosófico…..un cantante de boleros infumable…. unha especie de helena francis con caché,,un plasta.
    Non sei,ademais, o que lle pasa en la voz na Voz…,enfin, un paulo coelho ,un cursi…

    o do bng é tm de risa….como no dos luthiers, el que piensa…pierde.

    non sei se beiras aburria as ovellas,, ,, o guillerme espántaas.Téñenlle medo ás palabras
    que podian salvalos-salvarnos:recoñecemento do dereito de autodeterminación.Punto.

  12. oscar Novembro 24, 2011 ás 10:40 PM #

    Alguns dos comentarios que por aquí se len son un bo exemplo do que comentas no, por outro lado, magnífico artigo… o egocentrismo, a tristura, os tirapuxas valeiros dos q. pensan q. teñen algo q. decir… con argumentos contradictorios e indisolubeis entre eles, argumentos que me recordan aos coches de choque eléctricos que van toupando de parede en parede ate que se lle funden as pilas… Non pode haber entusiasmo colectivo con tanto cenizo solto… (ademáis de propia estructura dunha fronte sempre demasiado exposta dende dentro e cara afora)…

    • Louxedo Novembro 25, 2011 ás 6:06 PM #

      Oscar,clavado.Mis claro en menos palabras imposible.

  13. Xerardo Fernández Novembro 25, 2011 ás 12:01 AM #

    A idea do millón é que esta xente ten máis medo aos okupas da Sala Yago, aos obreiros cabreados do metal ou aos independentistas que ao sistema que, supostamente, queren mudar. Por seren “politicamente correctos” e non “espantar” o voto perden o cú. E así non hai movemento nacionalista que valla. Non se pode avanzar cara un suposto obxectivo cando este se oculta sistematicamente incluso antes os que o teñen que comprar.

  14. M. Sanmartín Novembro 25, 2011 ás 1:40 AM #

    Sobre o que pasa no nacionalismo encontro este texto que, ainda que escrito desde os “radicais” parece unha valoración bastante ponderada e realista: http://www.olngaliza.org/?p=99

  15. carlos Novembro 25, 2011 ás 8:59 AM #

    Ola, eu era o operador de cámara que daba o plano de Caneiro no programa do 20-N. Estaba alucinado cos seus comentarios, non só porque dixo o que ti comentas, senón porque repiteu ata en 6 ocasións (conteinas) que el estaba feliz e orgulloso de que un “galego” ía a ocupar a presidencia.
    Seguro que lle renovan o programa que ten na TVG.

    • franplorenzo Novembro 25, 2011 ás 9:04 AM #

      grazas pola confirmación Carlos, pensei que me metera eu soíño nun bucle espazo-temporal e só escoitaba repetir o mesmo. Sobre a renovación non o dubides, tanto brío e brillantez deben ter un recoñecemento 😉 Unha aperta Carlos

  16. Mary Jo Novembro 25, 2011 ás 3:57 PM #

    Pois moi boa a análise, parabéns ao autor

  17. Jorge Novembro 25, 2011 ás 6:35 PM #

    Expresar así as cousas escapa da miña capacidade, así que só comentarei as miñas impresións. O do Karma está moi ben dito, mais hai unha palabra máis da terra que serve para definir, na miña opinión, o que pasa: fartura.

    Fartura de que nos tutelen; fartura de que catro ou cinco concedan certificados de bo nacionalista a quen lles pete; fartura da mala comunicación, ou peor, da incomunicación, que abre unha fenda quizais irreversible entre a xeración que debería recibir unha mensaxe e unha imaxe moderna, non dogmática (isto non supón aparcar principios básicos que todos compartirmos, simplemente é necesario que quen di algo crea no que di e o diga sen irritarse e sen irritar), e o que recibe son arroutadas de Bautistas, Pacos, Guillermes e similares que conseguen un terrible resultado para o pouco esforzo que lles custa, non só non son quen de incorporar á mocidade a un proxecto común nacionalista senón que parecen empeñados en botar tamén aos que sempre pensamos en darlles, unha vez máis, outra segunda oportunidade.

    Pero a fartura maior é a que poucos ousan comentar. Hai unha organización na que hai xente que opina que é un magnífico resultado este das eleccións. É magnífico porque garante que o gran irmán seguirá presente, terá outra vez fondos para sobrevivir, para manter as súas estruturas, e para manter xente que só sabe vivir desas e nesas estruturas. Un pensa que ás veces Galicia non é o máis importante, senón que o que realmente importa é poder seguir sendo un pensionista político. Seguir coa farsa de ir contra o Estado e vivir do Estado. Recibir fondos do Estado, manter a espesa rede que impide, que prohibe, que garante que non sairá xente nova, xente válida avaliada xa polos votos, con novos estilos e menos prepotencia. Porque se iso pasa, e habendo cartos do Estado vía Congreso dos Deputados, non vos preocupedes que temos a Bautista que nos ilustrará. Porque Bautista ten carisma, valía, é reflexivo e intelixente e… e é o futuro do nacionalismo galego, non si?

  18. Morraso Novembro 25, 2011 ás 8:47 PM #

    Para min o BNG hai tempo que pasou a ese “Monte Olimpo” no que deben habitar tódolos políticos, tan tan alonxados da realidade da xente….na inopia.
    Non me sinto representado en absoluto polo partido, so por algúnhas persoas en concreto que valen moito (sobre todo líderes locais)
    Aínda así seguen a levar o meu voto por ser “os menos malos”, pero entendo que iso non sexa suficiente para moita xente.
    P.D.: Guillerme Vázquez gran político, pero o para século XIX; a miña humilde opinión.

  19. aser mendez Novembro 26, 2011 ás 1:23 PM #

    a jorge: moi moi ben dito.
    como na Consagracion da primavera, os vellos precisan
    sacrificios de doncelas pra perdurar,

Trackbacks/Pingbacks

  1. BNG, unha cuestión de karma - Novembro 24, 2011

    […] BNG, unha cuestión de karma unpaisenlata.wordpress.com/2011/11/24/bng-unha-cuestion-de-k…  por petopitopato hai 2 segundos […]

  2. O país agarda (o que quixera eu do BNG depois de Amio) « Un país en lata - Febreiro 2, 2012

    […] Nun comentario anterior deste blogue comparaba o BNG cun matrimonio en desavinza que xa non repara no incómodas que son as súas públicas liortas, desprendendo karma do malo a moreas. Agora por primeira vez alguén falou en alto de divorcio. Está ben que non haxa tabús, que se fale de diferenzas: verbalizar os problemas é o primeiro paso para afrontalos. Pero o espectáculo, os tiróns de pelos, a loita no barro, o lixo no carreiro, todo iso é mellor deixalo na casa. Se as correntes do BNG queren permanecer unidas que sexa mercé a un proxecto compartido e ambicioso, coma a aposta soberanista, e que ese acordo supere as limitacións individuais de cadaquén, os persoalismos, as cotas, o medo. En moitos aspectos a unidade é necesaria. É algo que o BNG se debe a si mesmo, e a quen os vén votando nos últimos anos. Pero se non pode ser non pode ser. Non é a fin de nada senón o principio doutra cousa. O que ninguén aturará, sen perder definitivamente a confianza e o respeito polo Bloque, será un Sálvame Deluxe de improperios e descualificacións persoais, un circo romano que só adivirte e beneficia os césares do Partido Popular.  […]

Deixa unha resposta a xarubal Cancelar a resposta