Rosal-indie (Un roteiro rosaliano de Lavapiés a Malasaña)

24 Feb

A ti que eres la persona a quien más amo, te dedico este libro, cariñoso recuerdo de algunos días de felicidad que, como yo, querrás recordar siempre. Juzgando tu corazón por el mío, creo que es la mejor ofrenda que puede presentarte tu esposa.

La autora

(Rosalía de Castro a Murguía, no limiar de ‘La hija del mar’)

rosaliaindieRosalía ten vinte e dous anos cando publica, no prelo de Juan Compañel, na rúa Real de Vigo -epicentro do sismo literario que supuxo Cantares gallegos– a súa primeira novela, La hija del mar (1859). Adóitase falar do carácter ‘folletinesco’ deste libro, da súa romántica truculencia argumental. Pero, como sempre ocorre con Rosalía, La hija del mar resérvalles ás estudosas e exéxetas da súa obra o agasallo da súa excepcionalidade revolucionaria. A autora aborda con valentía, neste drama materno-filial, asuntos, que hoxe, colocarían este texto ao bordo da corrección política: o home depredador, os abusos sexuais na contorna familiar e unha solidariedade entre mulleres que, malia ás pexas da época, xa encara a autora desde o reivindicativo limiar desta narración. Nese proemio é onde Rosalía lembra a Safo, a Madame de Staël, a Santa Teresa de Jesús e a George Sand -“la novelista profunda, la que está llamada a compartir la gloria de Balzac y Walter Scott“- para se inscribir nunha liñaxe que a emparentará, sen ela sabelo, coma pioneira do feminismo europeo, con outras voces revolucionarias coma a de Virgina Woolf. O que Woolf reivindicou, en 1929, naquel libro hoxe fundamental, Un cuarto propio, xa o avanzara a poeta de Santiago en Las literatas. Carta a Eduarda (1865), unha misiva figurada na que a escritora aborda os prexuízos sociais que impiden as mulleres dedicarse á literatura. Seguir lendo

‘Os días afogados’: cine á beira da memoria

18 Set
O encoro de Lindoso: casas, territorio e almas desafiuzadas.

O encoro de Lindoso: casas, territorio e almas desafiuzadas

As mulleres e os homes de Aceredo botan os últimos bailes no campo da festa. Nin a música alegre nin a calor do verán desmenten a evidencia do final. Aceredo desaparecerá para sempre, anegado polas augas do encoro de Lindoso. A comunidade que alí creceu, a veciñanza toda desa pequena aldea limiá _e doutros lugares coma Buscalque, no val que une os concellos de Lobios e Entrimo_, iniciaría daquela un exilio sen regreso posíbel, quizais o máis desgarrador dos exilios: o que se asenta na imposibilidade de voltar ao teu lugar porque o teu lugar no mundo xa non existe. Un filme de Luís Avilés Baquero e César Souto Vilanova, Os días afogados (Amanita Films, 2015) que se estrea nas pantallas galegas, relata agora ese desafiuzamento do territorio e das almas. Ao tempo, un fermoso poemario de Dores Tembrás,  Auga a través (Apiario, 2016), dialoga con este filme que estarrece, indigna e conmove a partes iguais: a proba de que a memoria, aquí en maneira de imaxes e de poesía, é o único lugar seguro, a garantía certa de eternidade, a casa de todos os plurais e, acho eu, o refuxio definitivo do ser. Seguir lendo

Vimbios dun novo independentismo

18 Mai

galiciasaneamento

Nunca neste país se deu transmitido, con eficacia, a sensata necesidade da independencia, a desconexión dun Estado español que podrece na súa lexitimidade constitucional. O independentismo galego é, por iso, un independentismo excéntrico, negado dentro e fóra, doente, minorizado. Tanto que nestes días de desgoberno, os actores da vella e da nova política, a dereita e a esquerda, en Santiago ou en Madrid, case só concordan na negación e no menosprezo do inalienábel dereito de autodeterminación do pobo galego.

O poder político, mediático e empresarial é consciente do potencial subversivo do independentismo e por iso xudicializa e persegue a súa expresión, aquí, en Euskadi e Cataluña. Os escenarios difiren pero a vontade é unívoca: eliminar os procesos que cuestionan a gran mentira de España, a unidade dos pobos no mínimo común denominador autonomista.

O que en Cataluña e en Euskadi é unha realidade en marcha, xestada desde o activismo cidadán e ao abeiro da comprensión institucional, non achou soporte en Galicia. Só o BNG, malia o devalo electoral e a incerteza ontolóxica que o asola, está hoxe en condicións de artellar esa vía. É hora do Bloque desarmarizar o seu independentismo saudoso e irrealizábel, deixando de agocharse atrás de reconfortantes pero ineficaces lemas electorais: autodeterminación, auto organización, soberanía… Eses son os vimbios, sabémolo, pero xa moitas e moitos queremos ver o cesto. Velo e enchelo cun novo relato da independencia como expresión e berce de vontades colectivas. Seguir lendo

Nacer todas as mañás

3 Mai
press-freedom

Liberdade de prensa

Contar  o  que  pasa.  Nunca  a  misión suprema  do  xornalismo  foi  tan complexa e, á  vez, tan necesaria.  E nunca tan expostas,  indefensas e desposuídas estivemos  as  xornalistas  e os xornalistas  na  batalla  diaria  da información.  Perdemos, en  primeiro lugar, a  principal ferramenta  da que  dispuñamos:  a linguaxe,  o rigor nas palabras,  a  exactitude.  Ese talismán extraviouse, hai ben tempo, na lameira do espectáculo e da banalización dos titulares e dos contidos. A crise económica exacerbou, ademais, a nociva práctica de revirar o nome das cousas. E foi así como os  desafiuzamentos, os despedimentos,  a  corrupción, os espolios  empresariais,  os  crimes  de violencia machista, o terrorismo bancario, a persecución da disidencia política ou as leis que vulneran dereitos fundamentais da cidadanía adquiriron denominacións eufemísticas nas portadas dos diarios e  nas  escaletas  dos  telexornais.  O  asasinato  premeditado de José  Couso por parte  do exército estadounidense converteuse, por exemplo, nunha morte desafortunada. E quen quixo denigrar así a súa memoria boicoteou  tamén a presenza do noso  compañeiro no espazo  informativo. Porque a perversión da linguaxe vai sempre da man do silencio. E o silencio, como lembraba a poeta Adrienne Rich, é o principio básico da inacción. O que se censura, aquilo do que non se fala, reverte nalgo paralizante e falso, que condiciona as nosas vidas. Seguir lendo

Félix de Azúa contra a miña avoa e a Beleza

11 Abr

A miña avoa Elena no seu posto de peixe, no Mercado do Berbés, en Vigo. Finais dos anos sesenta.

Un día de hai moitos anos entrevistei en Santiago a Félix de Azúa. Apenas recordo nada da nosa conversa, nin sequera o título do libro que motivara a súa visita á capital. Lembro si o lugar, o Café Derby, cabo da pantasma de Valle-Inclán, e unha actitude algo envarada pola súa parte, arraiana do engolamento, pero cordial dentro da distancia. Tamén lembro o aburrimento que en min suscitara o tal señor.  Todo discorría con relativa calma até que lle formulei unha pregunta sobre Jon Juaristi que o extraeu, ipso facto, do seu ser atérmico e insulsísimo. “Home, parece que ten sentimentos..!”, pensei para min. Son case incapaz de evocar o contido desa pregunta pero sospeito que tiña que ver coas críticas que Juaristi, militante do PSOE, recibira daquela ao asumir a dirección do Instituto Cervantes (2001-2004) en plena apoteose do aznarismo. Azúa exaltou alí a súa amizade con Juaristi e eloxiou o talento e compromiso político do ensaísta vasco, en plataformas como ¡Basta Ya! ou o Foro de Ermua. Pola maneira na que se expresou comprendín que estaba diante dun deses intelectuais orgánicos que deostan o ‘nacionalismo’ das nacións que non son a súa, a nación española neste caso. O mesmiño que o seu amigo Juaristi, membro actualmente do Padroado de Honra de Denaes, a Fundación para a Defensa da Nación Española, e autor daquela inefábel tentativa de poñerlle letra ao Himno de España. Seguir lendo

Call Me Maybe (Historias de mulleres ao teléfono) – e III

31 Mar

Ça ne rapproche pas, le téléphone, ça confirme les distances.

(‘La Femme Rompue’, 1967)

Simone de Beauvoir

smone

Simone de Beavouir escribe no café Le Deux Magots, de París, en 1944.

Iso é o que aseguraba Simone de Beauvoir en La Femme Rompue (A Muller Rota), ese libro de voces, construído sobre o fracaso, a soedade e a agonía do amor: “O teléfono non achega, confirma as distancias”. Quizais ese aserto mudara hoxe. Ou non. Quen di que a hiperconexión da que somos vítimas non estragou o sentido último da comunicación, o achegamento, a proximidade? Simone nunca lle puido mandar a Jean-Paul Sartre un whatsapp co texto: “Estou en Le Deux Magots, escribindo. Espérote aquí”. Iso nunca pasou. Pero sospeito que el o sabía. Sobre a mesa dese café, no número 6 da Place Saint-Germain des Prés de París, sen curiosos nin turistas que fosen buscar a sombra da escritora, hai apenas unha taza de té e unha cuartillas sobre as que ela escribe. Non hai un móbil que vibra, non hai mensaxes, non hai notificacións de Facebook nin de Twitter. Está ela soa encarada coa súa escrita. Sen tons de chamada, sen luces azuis, nin verdes. Sen ansiedade, co acougo de quen non agarda outra persoa que non sexa ela mesma. E se cadra a Jean-Paul, cando Jean-Paul, se quere, decida aparecer pola porta. “Mon cher amour, ma petite fleur…”. Seguir lendo

Call Me Maybe (Historias de mulleres ao teléfono) – II

8 Xan

beyonce-makeup-why-dont-you-love-me

Un teléfono, unha muller e unha canción. Mulleres que reciben chamadas, teléfonos que non soan, voces que conforta escoitar, palabras de amor, esperas eternas, interferencias na liña… Sempre me sorprendeu, e iso é o que vou contar nesta segunda parte, a teimuda pervivencia de tres ideas-forza, presentes no 90% da produción musical contemporánea arredor do teléfono e da conversa telefónica. O teléfono é a caixa negra do diálogo amoroso. Contén todo o malo e todo o bo, o que se fala e o que se cala. Tamén é unha vía de acceso (e de ascese) cara ao amado ou á amada. O teléfono que soa e que ninguén responde é unha metáfora do abandono. A chamada que encontra o amante, ao outro lado do fío telefónico, é a metáfora da realización amoroso-sexual. E iso é do que falan todas estas cancións, de tres tópicos narrativos moi concretos, que en moitos casos perviven na era dos teléfonos móbiles, o whatsapp e o 4G.

  1. O número de teléfono como chave da felicidade, a clave do corazón, o código secreto que activa a pulsión sexual.
  2. A ansiedade da espera e os problemas de calquera índole (o teléfono comunica, hai interferencias, liñas que se cruzan…) no canal de comunicación, unha representación das dificultades do diálogo amoroso e do cortexo.
  3. A invocación constante ao acto da chamada ( Call me! Chama! Llámame!) que expresa, as máis das veces, a disposición ao encontro amoroso.

Poucas cancións hai sobre o teléfono ou sobre a conversa telefónica que non falen de amor. El non será que todas as cancións falan de amor? Comezamos.

tumblr_lyqid6xaM31qenripo1_500

Carly Rae Jepsen

Seguir lendo

Hello, it’s me (Historias de mulleres ao teléfono) – I

4 Xan
EWE_Phone_Call,_North_Hollywood,_1962_r1

Marilyn Monroe, North Hollywood, 1962

Dubido que haxa alimento máis san e proteico cós tópicos narrativos. Gústanos diseccionalos, saber de que están feitos, coñecer as súas orixes e ingredientes. E neles adoitamos achar respostas, claves para novas lecturas, igual que aquel feiticeiro da tribo que remexía nas vísceras dunha alimaria sacrificada para ler o futuro. As convencións narrativas están nas tripas de todos os relatos, son o seu estómago, latexan da mesma maneira. E coma ese animal morto precédennos e explícannos. Nunha canción, nunha novela, nunha película, sobre as táboas dun teatro. Dicíao Godard: “Abóndame unha muller e unha pistola para armar unha historia”. Por que non unha muller e un teléfono? No meu caso é un fascinio de moi atrás, da nenez. Miña nai, de pé, no corredor da casa, falando por aquel aparello arcaico, de baquelita gris, e eu, á espreita, recreando os diálogos apagados ao outro lado da liña. As orixes dun misterio que os móbiles banalizaron, en parte, pero que ficou retratado de xeito explícito en case todas as representacións literarias, musicais, escénicas ou audiovisuais do século XX. Este pequeno repaso, íntimo, incompleto e persoal, é unha homenaxe tamén ao tempo perdido no que -como rezaba un  anuncio de telefonía- “chamabamos aos lugares e non ás persoas”, memorizabamos números como se fosen arcanos e agardabamos unha chamada sen saír da casa, ao pé do auricular. Un tempo no que non había whatsapp, nin emojis, senón cabinas, locutorios e teléfonos fixos desde os que se dicían cousas importantes sen moverse do sitio e coa voz entrecortada. Seguir lendo

Por que NÓS?

18 Dec
IMG_20151218_123746-01

Fotografía da serie ‘Mariñeiros’ de José Suárez. Anos 30. Galiza.

Non amo a miña terra porque sexa a miña. O que amo é a súa soberanía e a súa independencia. Non quero este Estado español, non quero esta Constitución, nin esta monarquía. Prefiro empezar algo novo a tentar emendar o que está podre e nunca foi xusto. Cústame recoñecerme en plural ningún, pero tamén sei con certeza que hai de min e que non hai de min nunha primeira persoa do plural. NÓS. E sei que o nacionalismo de esquerdas, neste país, Galiza ou Galicia, tanto me ten, é unha ferramenta secular, imperfecta desde logo, da que nos fomos dotando todas e todos, por nós mesmas, máis alá de erros e de acertos, de sentimentos e emocións cos que podo empatizar en maior ou menor medida, candidatos, vídeos e campañas electorais. It’s not about feelings.

Isto non empezou onte, non ten o arrecendo das cousas novas, do libro que se abre por primeira vez. É verdade. É un caderno gastado polo uso, máis ben. Pero eu tampouco non nacín onte, nacín hai séculos no berce dos que falaron esta lingua e habitaron este lugar. Son tan irmán do pobo grego coma do pobo de Madrid. A súa loita é a miña tamén. E por iso quero o meu ombreiro á par do seu. Á par. E o meu pobo á par do seu. Porque somos iguais e debemos ter a mesma forza. Non quero un país subalterno, non quero ‘ser premiado’ cun grupo galego no congreso de España, dependendo dos pactos, encaixes e alianzas que deveñan do novo bipartidismo Atresmedia. Non quero diluírme noutra cousa, e moito menos desaparecer. Aborrezo que alguén tente desalentar os meus soños, abaixalos ou dicir que non son reais. Dicíao Fassbinder e dígoo eu tamén: non é a realidade senón os soños os que amplían o horizonte da vida.  O meu soño é a independencia. E a miña vida quero vivila aquí. C’est tout.

‘A noite enriba’: spleen ourensán e metanovela negra

9 Dec

DIEGO AMEIXEIRASDo cansazo, do tedio, desa melancolía inoculada no día a día da cidade, nace ás veces o mellor de nós. Ou quizais non o mellor pero si unha vontade construtiva por superar esa rutina esmagadora e por trascendela. Iso pasaba nos pequenos poemas en prosa de Baudelaire dun seu libro para min fundamental, O spleen de París. E ocorre, doutra maneira, na nova novela de Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976). O spleen, un spleen ourensán, que converte a Auria de Blanco Amor no Oregón xa canónico de Ameixeiras, sobrevoa A noite enriba (Xerais, 2015), un texto redondo, que é, ao meu ver, unha das narracións máis esixentes do seu autor e unha indagación sorprendente nos límites da novela negra como soporte de certas verdades contemporáneas. Seguir lendo